O Clube Estudiantes Lugo quere
aclarar a información verquida por un sector da prensa local referente ós
horarios da instalación pública coñecida como Anexo.
O noso clube non posúe ningunha
instalación para a práctica do baloncesto en propiedade e por iso cada ano, ó
comezo de cada tempada, se ve na obriga de solicitar pistas de propiedade
pública á Deputación para que os seus xogadores poidan practicar da mellor
forma posible o baloncesto.
En Lugo dúas son as pistas que
contan cunha dedicación case exclusiva para o baloncesto, son Frigsa e as
instalacións do Pazo, incluídas as dúas pistas do Anexo.
Ó Club Estudiantes Lugo solicita
e sonlle concedidas cada ano varias horas en diversas franxas horarias nas
instalacións do Pazo, únicas instalacións na que o club desenvolve as súas
actividades por non influír no organigrama horario doutros clubs noutras
instalacións e ante a ausencia de convenios con colexios privados que nos
puidesen ceder as súas instalacións, como é o caso doutros clubs.
O Estudiantes é o clube de
baloncesto con máis equipos da cidade (14) e con maior número de xogadores nas
súas filas desde a categoría infantil ata a sénior. Máis de 150 xogadores toman
parte en 5 equipos infantiles, 4 cadetes, 3 xúnior e dous sénior. A isto haberá
que engadir 4 equipos preminis e 3 minis co comezo das súas respectivas
competicións con aproximadamente outros 100 nenos. En categorías de formación
os equipos de Estudiantes Lugo poden verse nas Ligas Galegas masculinas en
tódalas idades, sendo o único club da cidade con este merito. Ademáis en
feminino compiten en Liga Galega o infantil e o cadete convertendo ó
Estudiantes no club da provincia que máis presenza ten nas ligas de ámbito
autonómico.
É de supoñer que as institucións
teñen en conta o número de equipos e xogadores así como a cantidade de horas
necesarias para certos equipos que disputan ligas dun nivel competitivo maior
ás locais á hora de repartir as horas de adestramento nas súas instalacións.
Este ano o noso club conta con
dous equipos máis, un infantil feminino de Liga Provincial e un xúnior feminino
de Liga Provincial. O lóxico, contando con dous equipos máis sería contar con
máis horas para que estes dous equipos poidan adestrar por separado. Sen
embargo, ó noso club foille concedida para o ano 2013-2014 unha hora menos que
a tempada 2012-2013.
Por esta razón son varios os
equipos do club que teñen que compartir pista. De esta forma o equipo xúnior de
Liga Galega comparte mércores e venres a pista co primeiro equipo de Liga EBA,
o Cadete 98 comparte pista co Cadete 99 os venres, o Infantil 2000 comparte
tres días á semana a pista co Infantil 2001, non podendo adestrar nunca por
separado. O mesmo pasa na sección feminina onde só o Infantil 2000 conta con un
día exclusivo tendo que compartir o resto de días a pista co Infantil 2001 ou
ben co Cadete 98, o cal á súa vez, se non comparte a pista co Infantil 2000
teno que facer co Xúnior Feminino.
Esperando disipar tódalas dúbidas
que puideran xurdir a respecto deste tema, despedímonos dándovos un cordial
saúdo a tódolos lectores.
PD: O Estudiantes está aberto a
aclarar e contrastar datos con calquera xornalista ou medio ofrecendo a nosa
versión e datos e calquera asunto que se queira publicar, algo que ata agora
non tivemos a oportunidade de facer.