(19-13, 21-20, 18-22, 11-14) (14 - 11) Final: (83-80)
Emoción ata o final. Iso ofreceron Baloncesto Narón e Estudiantes de Lugo na final de Copa Galicia EBA 2013 disputada este sábado (18:00 h) nun Pavillón de Esteiro (Ferrol) que brindou unha gran entrada para a ocasión.
Tanto os de Narón como os lucenses amosaron o estado deportivo propio da pretemporada, na que os equipos están a crecer e soldarse e para os que estas probas son boa mostra do que corrixir ou enfatizar na pista na futura competición oficial.
A primeira metade de xogo favoreceu aos intereses de Baloncesto Narón, facendo valer o poderío da súa defensa. O electrónico foi crecendo para eles durante os primeiros vinte minutos de xogo, nos cales a resistencia de Estudiantes non impedía que chegasen ao descanso cun 40 - 33 na súa contra.
A volta dos vestiarios deixou ver un xogo máis impreciso por parte dos de Ferrolterra, situación que, agora sí, permitía a Estudiantes facer seu o terceiro cuarto (58 – 55) e recurtar a vantaxe de Baloncesto Narón. As opcións abríanse para os dous bandos.
O últimos dez minutos de encontro non resultaron tales. Os xogadores de Alex Polo continuaron a xirar o marcador ao seu favor, tanto que a tan só 20 segundos do final, establecían o empate. Igualdade que, aínda así, conseguirían romper definitivamente e coa que forzaban unha prórroga.
Os xogadores de Narón entraron mellor neste tempo extra, pero de novo os lucenses buscaron o seu oco, e estenderon a incertidume ata os últimos segundos, nos que o empate volvía a dominar no marcador.
Houbo que esperar ata o son da bucina para rubricar un traballado trunfo para Baloncesto Narón. Nun último ataque impreciso, Armenio Pazos anotaba unha valiosa canastra, que sumada a un tiro posterior por falta, resultaba un 83 – 80 para os homes de Suso Varela.